Infonómades (A voapluma, Diario de Ferrol, 07/10/2001)

Estiven en Vigo, cidadona desordeira, con edificios modernos en pedra que falan de diñeiro acumulado.
Vigo ten algo de Celeiro, Ferrol e a Coruña: lugar dinámico de peixes e industria naval. Pero é singular polas editoriais.
De camiño a unha xuntanza de tecnólogos, pasei pola editorial que máis vaidades me atura. O Xosé Soutullo atendeume correccións de reedición, e tiven conversa divertida —e non por iso menos seria— co Carlos Casares.
O Carlos mostroume o último adianto para escribir unha crónica diaria: acabouse o andar cun ordenador portátil na carteira. Agora el mete nun peto da chaqueta un ordenadoriño dos cualificados en inglés como “palm” porque son coma a palma da man, ao que lle acopla un teclado encartable, que lle colle no outro peto.
Eu, con envexa, conteille que viaxo cun portátil moi lixeiro, divisible en dúas partes, que dá a posibilidade de facer gráficos para o traballo… E seguín para o Consorcio da Zona Franca, onde estaban os meus colegas dispondo as respectivas presentacións sobre o comercio electrónico, cadaquén coa súa máquina, pequena pero non mínima.
Entre eles andaba Fernando Pardo —asturiano de estirpe acubanada, parente de mariños de Ferrol— que me anunciou outro avance máis da “informática nómade”:
Falta pouco para que os palm computers permitan traballar con programas de gráficos. Co teclado despregable e cun proxector, logo se presentan esquemas en pantalla…
O Carlos e o Fernando déronme referencias de marca e modelo.
Unha vez máis, viaxar pagou a pena.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 07/10/2001]

Share

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*