Viva Bruxelas (A voapluma, Diario de Ferrol, 06/10/2001)

Ceo gris, algodón claro-escuro. A partir de Santiago, estrada antiga, dunha Galicia pasada. En Bandeira, a lembranza dun accidente e o aviso dun garda civil: hai máis dun millón de vehículos sen papeis.
Cansadamente, pasado O Reino, topónimo curiosísimo, vese un Ourense grandallón envorcado sobre o Miño. O desvío para Madrid -que xa se anuncia- fai pasar preto dunha ponte nova e onírica, sinusoidal.
Os letreiros cantan a diglosia en que o impaís se debate: San Cibrao das Viñas e San Ciprián de Viñas. ¿En que quedaramos, señores dos gobernos?
O Parque Tecnolóxico de Galicia, alí porque quixeron Fernando González Lage (a pronunciar Laxe) e Santos Oujo (a pronunciar Ouxo) Bello (enténdase Vello), ten por referencia un depósito de auga, ante a falta de indicadores nas rotondas do polígono industrial.
Rebentadamente, chegamos. Acóllenos o Laboratorio de Metroloxía con xornalistas á porta. Informámolos facendo esquemas, para facilitar o choio: reunímonos as xentes da transferencia tecnolóxica de alén e aquén do Miño que foi fronteira. Imos falar de proxectos para o programa Interreg.
Fala o Occidente, con apuro. Porque a Europa vaise abrir ao Oriente, vai deixar que os restos dos imperios austrohúngaro e ruso veñan compartir as faragullas do banquete do Centro.
Falamos portugués, galego e castelán. Os portugueses non entenden por que algúns galegos imitan a lingua da Castela diante deles.
Pero entendémonos ben: hai diñeiro a repartir, e innovación a forzar…
Viva Bruxelas (mentres pague).

[Diario de Ferrol, A voapluma, 06/10/2001]

Share

Deixar unha resposta