Requisitos (A voapluma, Diario de Ferrol, 05/10/2001)

Nestes días de horror bélico anunciado, parecería que a cuestión da inmigración andase queda: como se, de súpeto, África deixase de tentar envorcarse clandestinamente na desexada Europa.
De todos é coñecido o parón da avalancha das pateras. Menos sabidas son as noticias de Lavapiés, barrio madrileño habitado por moitos inmigrantes de diversas ocupacións: alí os ociosos desapareceron das prazas logo dos ataques suicidas ao poder ianqui, e só a modiño se irían deixando ver, como se eles fosen tamén culpables do acontecido e temesen represalias…
Cando se fala da inmigración –con altas doses de demagoxia por veces–, tenden moitos a lembrar que estamos nun país de emigrantes; que España se baleirou na América das promesas e na Europa da recuperación.
Pero case ninguén recorda como se producía o tránsito a outros mundos.
Para pór as cousas no seu sitio, publico notas que me envía un lector, “emigrante á Arxentina en tempos nos que se facía estraperlo de pasaxes”. Daquela “había que conseguir certificado de boa conducta da Garda Civil, certificado de penais, contrato de traballo alá ou compromiso de familia de acollida, todo pasado polo cónsul”.
Nesas condicións marchaba a xente “en terceira, con maleta, e cos cartos cosidos á roupa, que durmían vestidos”.
O franquismo garantía así “o dereito de emigrar como dicían eles –conclúe o meu comunicante– pero non se lles pode negar que de aquí non saían os criminais”.
(Nin tampouco –digo eu– os “rojos”, aos que negaban certificados para o pasaporte).

[Diario de Ferrol, A voapluma, 05/10/2001]

Share

Deixar unha resposta