Modus vivendi (A voapluma, Diario de Ferrol, 03/10/2001)

Como xa escribín, leo Religión para Ana y Laura; e, segundo avanzo na lectura, fascinado pola súa agresividade contra a Igrexa de Roma, recibo mensaxe electrónica cun enderezo do “hotmail” non identificable.
Nela, as supostas Ana e Laura agradecen as miñas anteriores mencións ao libro que asina o seu hipotético pai e pregúntanme por que “sendo vostede autor prolífico e acertado, non se dedica en exclusiva á Literatura”. “Para a enxeñería —engaden— xa valen cerebros cativos”.
Polas mesmas datas recibo tamén mensaxe de Ramón Varela, exiliado en Barcelona, en que inclúe declaracións de Suso de Toro, ao parecer abocado ao exilio.
Xunto ambas as misivas e, con permiso do señor director, respondo:
Poida ser que eu escriba con rapidez, e que desde o 72 ata agora teña rexistrado trinta e un títulos de prosa maior e menor, alén de miles de artigos e crónicas; pero Deus é bo e non permite que a miña impertinencia chegue a máis: deume unha vocación “de Ciencias” que me entretén, e que produce excedente económico para que a Literatura teña xustificación.
Os meus textos, como os do Suso de Toro, foron censurados, en concreto por un editor de xornal, que non admite ideas republicanas, e por unha editorial de libros, que non se atreveu a publicar La Habana Flash.
Pero sempre houbo editor que estivese á espera das miñas vaidades; e a vocación de enxeñeiro das bruxerías telemáticas deume a independencia que permite desprezar a falta de visión de dereitas e de esquerdas.
En fin: cadaquén évos cadaquén.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 03/10/2001]

Share

Deixar unha resposta