De Vilalba a Vigo (A voapluma, Diario de Ferrol, 02/10/2001)

Hai uns días tiven xornada propia de político: na Coruña, Vilalba, Ferrol e Vigo. En cada lugar deses traballei, pero, como afortunadamente a memoria é selectiva, do vivido só me quedaron os momentos de maior interese:
En Vilalba, ben comunicada e con espléndido parador, xuntámonos enxeñeiros e economistas para falarmos de novas técnicas que van incrementar a productividade da pesca, dar seguranza aos mariñeiros e revolucionar o xeito de facer negocios co peixe.
Doadamente, xurdiu o nome de Henrique López Veiga asociado ao furtivismo, e aí veu a declaración dun acreditado enxeñeiro de telecomunicación, gaiteiro e mergullador para máis sinal:
—Aos furtivos hai que os asustar, para que non haxa moitos. Pero que non nos saquen ese deporte…
En Vigo, no club financeiro presentábase un sistema revolucionario de encontro de empresas “en modo web” para aumentar a productividade.
Os actores principais do proxecto, galego de raíz, cederon a palabra de inicio a un mociño madrileño e engominado que falaba “un mix” (como el diría) de inglés mal pronunciado con castelán da Corte, e que veu explicar algo que —confesou— é a penas hipótese na que mete cartos infinitos unha compañía eléctrica.
O mozo, na súa paixón polo uso da nova Lingua do Imperio, chegou a pronunciar “á inglesa” algo portugués e sinxelo. Varias caras ilumináronse de malicia e a min veume á cabeza unha frase de lingüista cheo de prestixio:
—Quen fala mal, pensa mal.
Pero, seica gracias a eses deslinguados de Madrid, “España va bien”.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 02/10/2001]

Share

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*