Desacougo (A voapluma, Diario de Ferrol, 01/10/2001)

O pasado 28 [setembro de 2001] amañeceu para min con ameaza de chuvia e complicacións no traballo, mais coa promesa dun final relaxante: a mesa redonda de Beiras, Ramonet e Saramago para a que tiña reserva de asento.
Por vía de ordenador e teléfonos, fixo e móbil, todo ao tempo, toleantemente, negociei encontros técnicos en Stavanger, porto noruegués, e un “teleplenario” da rede de centros tecnolóxicos galaico-portugueses.
Farto de “multiplexar”, con chuvia seguín camiño a Compostela, a un consello con catedráticos dos que andaban coa toga e o birrete no portatraxes, logo da inauguración do curso académico.
A xuntanza prometía ser cordial mais tivo un final de dura análise con Domingos do Campo, sobre a incapacidade de Galicia para crear industria telemática.
Canso e un pouquecho amargurado, collín camiño da Coruña e, cando estaba a chegar, vinme retido por culpa dun camión que se fora de pista.
Así cheguei, tarde, ao Club Financeiro. Unha ringleira de xente que alcanzaba o Mato Grande íase converter en escándalo. Os que ficaban fóra, deron en berrar, e a primeira intervención, do Xosé Manuel, foi interrompida por rebentadores.
Logo de discusións impropias do lugar, veu a avalancha e, con medo a un desastre, fuxín cara á porta de atrás.
Proseguiu o acto pero eu xa non acougaba: remoía nos contactos de Noruega e na reflexión co rector da universidade de Vigo…
Con todo, aprendín do profesor Beiras, divertiume a demagoxia infantil do Ramonet; e gocei coa fala libre, radical, de Mestre Saramago.
Gracias.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 01/10/2001]

Share

Deixar unha resposta