Afonso Monteiro (A voapluma, Diario de Ferrol, 29/09/2001)

Hai uns días cruzáronse dúas realidades mediáticas que non deixan de ter o seu aquel.
Dunha banda, sóubose que Xesús Alonso Montero —sempre nomeado cos dous apelidos— comunicara nun congreso que Antonio Montero —quen só asina co primeiro apelido— o informara de que Xesús Pérez Varela dixera que “o exilio é un invento do Alonso Montero e o Díaz Pardo“.
Doutra, Pérez Varela (Suso para os amigos) andaba a inaugurar unha “sala multimedia” (con erro gramatical por mala tradución do inglés), de capital importancia para negocios como o teleensino ou o teletraballo.
Nela coincidín co Suso en condición de ministro pero non o parei a preguntarlle polo que —imaxinei— podía ter dito nese ton burlón con que a calquera lle chama “estadista”. Porque só con ese aire podería ter dito tal cousa quen comigo andou pola realidade pratense, ateigada de avisos sobre o que foi a emigración política.
Despois apareceu o desmentido do Antonio Montero; e a se ver o que lle retruque o profesor Xesús Alonso…
Exilio hóuboo, en cantidade que daría para un corpo literario inesgotable: cada caso unha novela de desventuras, sen inventos, vidas que beneficiaron os países de acollida. Un tío da miña sogra, home de probada condición democrática, dicía que “amaba” a Franco, porque gracias a el coñecera en Buenos Aires o melloriño de España. Por exemplo, a Castelao e a Sánchez Albornoz.
Curiosamente, el presentoume uns exiliados mantedores da fala que se referían a Alonso Montero como Afonso Monteiro, descastelanizando.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 29/09/2001]

Share

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*