Falcatruada (A voapluma, Diario de Ferrol, 28/09/2001)

Nun día en que o verán de novo se mostrou nos ceos, fun buscar o seu azul ás alturas das Pontes de García Rodríguez, marcadas desde hai tantos anos coa irreverencia da cheminea da central térmica.
Camiño de Cabanas e Pontedeume está o polígono industrial que acolle novas empresas en canto o lignito da mina se esgota. Alí falei de transferencia de tecnoloxía cos directivos de Italtel, planta na que a electrónica dá mostras de soño para os que comezamos soldando compoñentes a man.
Despois, ao pasar polos chans de Goente e as Neves vin uns cemiterios nos que a Resurrección ha ser gloriosa, pola vista das rías e o Arco Ártabro ata as Sisargas.
Eses cemiterios lembráronme outro, o de Pontedeume, onde se manteñen os indicios dunha historia incrible.
Fun comprobalos e así topei co enterrador, que me atendeu demoradamente. Visitamos panteóns e explicoume que xa non serven, porque antes a xente era baixiña e os cadaleitos máis curtos.
Parei ante un busto de muller decimonónica sobre unha tumba e o mellor coñecedor dos silencios sepulcrais eumeses contoume que pertence a unha señora (“santanderina ou francesa”) que afogou por lanzarse a procurar un pendente que lle caera á auga. Por iso o mármore a retratara cunha soa orella enxoiada.
Ata que, unha noite, calquera larchán asaltou a oficina do cemiterio.
Á mañá seguinte a señora retratada a cicel sobre os seus ósos apareceu coa gorra do enterrador, e sen o pendente…
Ben. Se o asaltante chega a ler isto, saiba que a falcatruada non me fixo gracia.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 28/09/2001]

Share

Deixar unha resposta