Antídotos (A voapluma, Diario de Ferrol, 27/09/2001)

Ía escribir sobre un caso propio do impaís levitante de don Gonzalo: o dun profesor de galego expulso do colexio por falar galego fóra das clases (tome nota Celso Currás).
Tamén me tentaba comentar Religión para Ana y Laura (Akal, serie Foca), libro que me fai abraiar pola súa contundencia antidogmática.
Pero vou deixar eses temas por outro moito máis amable:
Leo de vagariño as actas do I Congreso Internacional “A obra literaria de Torrente Ballester”—para min, formado só en Ciencias, un xeito de aprender Letras, a través da reflexión dos técnicos desa materia.
Con frecuencia me achego a Serantes, inmediato á Cabana onde traballo. Xanto na que foi casa familiar dos Torrente e, por veces, levo os meus convidados a unha ronda melancólica ata o cemiterio onde se mandou enterrar o escritor de vidas a correr polos seus carreiros, que os fabuladores non deben coutar con teorías.
Eu entendo así o xeito de escribir daquel miope xenial. E, leigo na disciplina de interpretar o que outros escriben, véxome cheo de satisfacción co que leo nas actas, especialmente cunhas frases de Xosé Antonio Ponte Far:
“El, desde neno, xa intuía que os poboadores dos bosques de Serantes eran moitos máis dos que se vían… Por todo iso aprende que a ironía é a mellor actitude para poder explicar as cousas inexplicables. Confirma que a vaguidade e a ambigüidade son os mellores antídotos contra o dogmatismo”.
Que acerto, señores. E que necesidade de que a obra de Torrente se dese a coñecer hoxe en inglés e en árabe.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 27/09/2001]

Share

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*