Aves e avións (A voo de tecla, 01/03/2008)

Bruxelas. Orballo mesto, flamengo, esvaece os farois da Place de Luxembourg. No típico “Le London”, un ourensán físico de partículas elementais, un santiagués biólogo mariño e mais un enxeñeiro telemático ferrolterrán falan da orixe do Universo, de enerxía positiva e negativa, do balance enerxético, da transformación das enerxías…
Mais pouco a pouco, por vía enerxética, a conversa cae en algo máis inmediato: a necesidade de viaxar. Para os tres Galicia é unha incrible fin de mundo, desde a que só se pode chegar a Bruxelas dando varios saltos, perdendo unha xornada laboral. E o peor é que esa fin de mundo ten o que merece: sobre unha mesma autoestrada, tres aeroportiños sen capacidade de conectaren coa capital da Unión Europea.
Os galegos seica andan fascinados coa velocidade e a comodidade dos Aves que os han deixar nunha estación de Madrid, onde todo acaba; e non pensan nas vantaxes dos avións que os poden levar ás capitais onde comezan os negocios verdadeiros… Os trens de alta velocidade teñen xustificación onde a terra o permite; pero non onde construír vías expeditas, a base de túneles e viadutos, supón un gasto enerxético incalculable.
E aínda máis –matinan os expatriados galegos sobre cervexas de abadía– está o futuro: segundo se avanza na aviónica, con novas estruturas e novos propulsores (o “vector hidróxeno” ao fondo), voar gaña en efectividade fronte a correr sobre camiños de ferro. O ferrocarril –conclúen– é cousa de curtas distancias; ou de mercadorías pesadas.

[La Voz de Galicia, A voo de tecla, 01/03/2008]

Share