Aínda (A voapluma, Diario de Ferrol, 26/09/2001)

Recibo na casa o programa electoral do BNG, xunto con carta do Xosé Manuel Beiras. Chégame porque Correos sabe localizar destinatarios que mudaron de enderezo sen se moveren do sitio (neste caso porque “el ayuntamiento de La Coruña” decidiu dar nome do pasado franquista á Cubeliña do pobo).
Gracias, Xosé Manuel, polo documento no que, segundo ti, participaron moitos. Pero non todos: faltáronvos profesionais da telemática, que non terían permitido algunhas imprecisións do texto…
O programa do BNG é amplo e ambicioso. Esténdese a múltiples campos da realidade galega, miniparte da española e microparte da europea. Por tanto, a voapluma sería imposible comentar todos eles; pero, alomenos, quixera eu entrar nalgúns dos que máis me interesan.
Un, a “sociedade da información”. O que di o programa é certo, e sería apoiado por quen teima na importancia de telefabular: cómpre crear un organismo coordinador das capacidades comunicativas que afectan a todas as actividades humanas.
Outro, o ensino –no que non vexo unha proposta conducente a que os alumnos de bacharelato cheguen á universidade sabendo o valor de logaritmo de 2 en base 10, sen o cal pouco se pode ensinar das tecnoloxías ao servicio da sociedade telematizada.
Finalmente, o idioma: de acordo en que o coñecemento pasivo (e desprezativo) do galego daría para lograr aínda a súa normalización plena.
O malo é que a xente galegofalante xa comezou a substituír “aínda” por “todavía”…
En fin: sexan os votos para quen convenza en boa lide.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 26/09/2001]

Share

Deixar unha resposta