Pescadoras (A voapluma, Diario de Ferrol, 25/09/2001)

Saíndo do meu choio na Cabana ferrolá cara ao meu outro choio na Elviña coruñesa, dei en remoer o lido dun libro que causará desacougo a monseñor Gea Escolano: Religión para Ana y Laura —obra dun ateo que ha dar para moito comentario.
Ao respecto viña a pensar un destes artiguiños a voapluma cando entrei en contacto telefónico co Xosé Manuel (Cuqui para os amigos) Silva, director xeral de Agricultura da Comisión Europea.
A conversa desvioume logo das materias relixiosas cara ás femininas (contempladas tamén no libro antes mencionado) e velaí que me peta agora centrar o tecleable sobre algo que dixo o López Veiga, eurofuncionario colega do Silva.
O novo conselleiro —segundo escoitei na Radio Galega— entra no goberno de don Manuel disposto a que as mulleres saian ao mar de pescadoras (xa se meten nel, ata os xeonllos, de mariscadoras). Curiosamente, o recuncante ministro das pescas ve doado que as mozas se dediquen “ao arrastre”…
A primeira pregunta que logo cumpría facerlle é se non van ter sitio na captura con palangre.
E quizais conviñese recordarlle que ata agora ían ao mar varóns dispostos ao risco, á falta de hixiene e mesmo á promiscuidade.
Supoñemos tamén que o afouto López Veiga coñece como anda a cousa de pescar en Noruega; pero podémoslles dicir aos lectores que alá saen ao bacallao con camarote por mariñeiro, sauna, solario e sala de xogos.
Para facermos as cousas ben aquí, se cadra, habería que engadir perruquería de señoras.
E non esquecermos xenerosos períodos de maternidade.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 25/09/2001]

Share

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*