Segunda opinión (A voapluma, Diario de Ferrol, 24/09/2001)

Na amplitude do Palacio de Congresos de Santiago pasan horas de retiro tecnolóxico dirixido por Alberto Tizón, funcionario da Xunta adicto á droga telecomunicativa.
O horror bélico paira sobre nós. Mais predomina o humor. A xente ri de dona Ana, que se compara coa Hillary, e alguén lembra un retrouso popular: “Pepe Botella, baixa ao despacho. Agora non podo, que estou borracho”…
A telemedicina avanza, e chama a atención o éxito da telepsiquiatría en Canarias: como se vence o illamento das illas menores coa videoconferencia entre paciente e psiquiatra.
Perfecto Mariño, catedrático en Vigo, comenta que o método é explotado masivamente no país dos cow-boys. Seica Texas está chea de reclusos perigosos, que reciben atención desde fóra da cadea.
Alexandre Pazos, catedrático na Coruña, bota retranca engadindo que a vantaxe da telepsiquiatría é para o médico, “que así nunca o esganará un tolo”.
Tomamos o café e rimos pero despois o Pazos conta cousas serias:
O Alexandre (Xano para os amigos), entra noutros asuntos impresionantes; como, por exemplo, a determinación das formas dos tumores para guiar os cirurxiáns nos novos procesos de teleaxuda.
E Mariño introduce un aspecto da telemedicina que só o Pazos —que foi médico antes que informático— coñece. O da segunda opinión…
De volta para a casa lembro o meu pai a falar do contraste de criterios entre clínicos, cando o caso non era doado.
Quen lle dera a aquel —tantos anos— médico de aldea a bendición dunha videoconferencia con colegas da capital.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 24/09/2001]

Share

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*