Novos parámetros (A voapluma, Diario de Ferrol, 23/09/2001)

Acaba o verán. No maleteiro do coche busco obxectos que lembran horas de sol, area e mar. Gardo nunha bolsa traxe de baño, sandalias, gorro e toalla para os subir á casa…
Sobre a autoestrada neboenta hai dous coches coa panza arriba, uns suxeitos de chaleco fosforescente mandando minorar a marcha, feridos a un canto. E moito desacougo polo que anuncia o locutor da Radio Galega: se hai novas da guerra, logo se interromperá a emisión programada.
Así chegamos ao Palacio de Congresos de Santiago, ao encontro sobre redes de alta capacidade no Arco Atlántico. Galicia, Portugal, Andalucía e Canarias (a Iberia á que Europa lle fica pequena) van contar en que negocios andan coas redes de comunicación que fan o mundo pequeno.
De novo agradezo a idea aos organizadores. Porque vou atopando persoas das que, coma min, cren na efectividade da tecnoloxía e das técnicas para as que traballamos.
E porque vou aprender.
Como sempre, non se pode dar relación completa dos colegas encontrados, pero cómpre salientar o que se aprendeu:
O profesor Pedro Veiga é o xestor de Portugal Digital. Fala do planeamento de Portugal cara á sociedade da información, da “formação da cidadania” para que, sinxelamente, desapareza o analfabetismo do século —ensinando a manexar procesadores de textos, o acceso á interrede e o correo electrónico.
E advirte de que, a partir de agora, o peso dos países no concerto mundial se vai medir con novos parámetros: “megabits/segundo per capita” e en “quilómetros de fibra óptica per capita”.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 23/09/2001]

Share

Deixar unha resposta