Contra o Islam (A voapluma, Diario de Ferrol, 22/09/2001)

No quiosque con tertulia do amigo Suso da Cubeliña (praza nomeada de González Dopeso por “el ayuntamiento de La Coruña”) pedíuseme unha definición sobre os ianquis no intre tráxico en que andamos; e confesei os meus sentimentos cara a eles: dunha banda, admiración porque saben que a tecnoloxía é un negocio, e, porque, sendo tantos, poden dar monstros da Literatura universal. Da outra, desprezo, porque nos recantos escuros das súas mentes logo xorde a cow-boy.
Nese encontro aínda non escoitara o sheriff Bush a repetir, en referencia ao malvado Bin Laden, o texto dos carteis do Bravo Oeste: “Wanted, dead or alive”. Nin tampouco oíra o Moncho Lemos da Radio Galega listar títulos de cancións de autores e cantantes americanos que por “patriotismo” non se deben reproducir nas emisoras dos EE.UU..
Pero xa vimos o presidente texano reclamando “morto (primeiro) ou vivo” ese mouro de fábula oriental e terrorista, e oímos o presentador dos Fondos Reservados da Galega dicir (no seu castrapo patético pero benintencionado) que o Cat Stevens, converso ao Islam, non debía ser difundido na América que salve Deus.
Visto e oído, un pódese preguntar se a masa ianqui, aguilloada polos medios de comunicación, chegará a pensar que todos os musulmáns son ruíns e suicidas, incluso un pacifista americano coma o Stevens; e se non haberá ningún medio honrado dabondo como para advertir que, se os varóns islámicos do mundo –centos de millóns– tivesen a barriga chea, preferirían os gozos terreais ás hurís do Edén.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 22/09/2001]

Share

Deixar unha resposta