sursumcorda.net (A voapluma, Diario de Ferrol, 21/09/2001)

Nestes días de tribulación e anuncio de guerra de comandos no Afganistán (Deus colla confesados os boinas verdes católicos), “por orde do Nosso Senhor Roi Xordo, Dom Manuel Maria” convócase a Irmandade dos Vinhos Galegos no mosteiro de Aciveiro, hospedaría de San Gonzalo das Penas, preto de Forcarei.
Haberá alá cata de dez viños e probas de salmón en dez variantes, alén de lumbrigante, solombo, queixos, “sobremesas e outras alternativas alegóricas e pantagruélicas”.
Para coñecemento dos que quixeran pertencer a esa grei de gozadores do que a vidiña vai dando, ponse ao servicio do mundo (mesmo do vaqueiro texano Bush e do misterioso mouro cunqueiriano Bin Laden) unha páxina web que daría para a paz se todas as relixións aceptasen os derivados da uva: www.sursumcorda.net.
Da ciencia da Irmandade exposta en modo dixital pódese chegar a saber que o mosteiro de Aciveiro “foi fundado, a pesar das nossas adverténcias, em 4 de fevereiro 1135, com uma giada de mil demos, que já por aqueles tempos giaba de muito nabiço”.
E que ese mosteiro non se debe confundir co do mesmo nome en Amarante. Hai unha diferencia capital nas invocacións a San Gonzalo ao sur e ao norte do Miño.
Alén do río-Pai seica din “São Gonçalo de Amarante,/ casamenteiro de velhas, / por que não casais as novas? / Que mal vos fizeram elas?”. E aquén invócase dicindo: “San Gonzalo de Aciveiro,/ casamenteiro de nenas,/ casa as vellas, meu santiño,/ que as novas cásanse elas”.
Velaí as claras diferencias entre galegos e portugueses.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 21/09/2001]

Share

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*