Isué (A voapluma, Diario de Ferrol, 20/09/2001)

Sigo coas mulleres:
Recibo nota de María Rosa Lojo, desde Buenos Aires, sobre os oficios que as mulleres non exercían; e lémbrome do dito malicioso dun vello sobre as gaiteiras: “Nos meus tempos, ninguén se atrevía a dicirlle a unha moza ‘Nena, tócame a gaita’, pero agora tócanche calquera cousa”.
A Lojo (que á beira do Prata prepara novela con título definidoramente galego) di que “Lo que más les cuesta (ás mulleres), quizá, es la exposición pública, a la que la cultura no las acostumbra”.
Certamente; salvo que esa exposición sexa para asuntos “propios do sexo”: por exemplo, nos traballos, vender no mercado; e, na arte menor desta nosa Fisterra, cantar e tocar a pandeireta polos fiadeiros…
Este día examinei na facultade unha rapaza que, para chegar a enxeñeira informática, ten que facer de caixeira de supermercado e de camareira de discoteca. Na súa vila profunda, virada para un monte branco e mítico, han comprender os labores con que se mantén na capital. Pero dificilmente comprenderán o que é un “algoritmo” ou un “datagrama” dos que corren polo seu cerebro.
Á saída do exame, no coche, fun escoitando Isué, de Mercedes Peón, unha das mozas que hoxe fan da música popular galega algo de peso, no que faltan voces de varón.
A Peón (de apelido varonil e medieval) canta con forza militante, de cabaleira que, no campo da música, defende a súa unicidade cultural á fronte dun exército de pandeireteiras.
Como a María Rosa e a miña alumna, ou a Cristina Pato, rompe esquemas. Para ben dos homes.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 20/09/2001]

Share

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*