De mulleres (A voapluma, Diario de Ferrol, 19/09/2001)

Contaba eu onte que exerzo de avó cando me cadraba mostrarme amigo. Que ía falar de literatura e mulleres cando souben da morte dunha amiga editora.
Hoxe contarei que me persegue a idea de por que non escriben as mulleres:
Levei a Irene ao Aquarium Finis Terrae e na sala Nautilus gocei dos seus olliños abraiados, dos adeuses que acenaba e dos bicos que mandaba aos peixes.
A sensación quimérica e verdosa do acuario poboado por seres de soño vale tanto para cativo como para cativa —mais parece de varóns ter lido, e imitado, a Jules Verne
Eu sei que a María Rosa Lojo leu cousas de homes, como mostra en Una mujer de fin de siglo.
A Lojo, con coñecemento de muller que pariu fillos, mostra firmeza realista avaronada ao contar a vida dunha escritora incomún: sobriña de Rosas, a quen, de nena, o tirano mandaba chamar para lle facer de intérprete.
A belísima Eduarda Mansilla de García tivo a desgracia de ser irmá de Lucio Mansilla, militar e escritor; e a sorte de casar cun bo home, diplomático.
Eclipsada polo apelido de solteira, foi capaz de deixar marido e fillos en Francia e Austria para retornar a un Buenos Aires maledicente que lle debía honra aos seus títulos, mesmo que ela escribise en francés e seu irmán lle traducise.
Da autora de Pablo, ou la vie dans les Pampas a Lojo fixo un retrato barilmente feminino —agora nas mans da miña muller, que non se atreve a escribir; para despois pasar ás da Mariángeles Fernández, que algo escribe; e ás da Carmen Posadas, escritora de sona mundial.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 19/09/2001]

Share

Deixar unha resposta