e-World (A voapluma, Diario de Ferrol, 17/09/2001)

Escribo agradecido aos organizadores e patrocinadores das Xornadas Internacionais de Teletraballo dedicadas ao “xornalismo electrónico”.
Como sempre que se fan enumeracións de intervenientes en calquera xuntanza, fican fóra delas moitos e sabe a inxustiza.
Con todo, non se pode negar ao intelecto de cadaquén o dereito básico de filtrar e escoller.
É así que quero mostrar o meu interese especial polas comunicacións de tres personaxes descoñecidos por min ata hoxe.
Un, o catedrático de Aveiro Henrique Diz, que me deu as pistas para a definición do teletraballo efectivo: que se fai fóra do centro principal e —ou— en horas incomúns. Faltoulle quizais distinguir entre “síncrono” e “asíncrono”.
Outro, o segundo de abordo nunha curiosa nave de presente e futuro, CNN.com. Kurt Muller teleinterveu na conferencia por non poder voar ata nós, e deunos datos de crise: fronte a unha media diaria de 50 millóns de accesos ao servidor de páxinas web da CNN, no día do “novo Pearl Harbour” houbo 180 millóns de accesos. E na seguinte xornada, 300 millóns.
O terceiro, Tapio Varis, catedrático finlandés de nome tan raro coma o seu idioma. Varis, en castelán roto —sen preposicións— pero axudado con transparencias en bo inglés, explicounos o que vai sendo xa o “e-World”, un mundo electrónico.
Consciente da condición periférica e minoritaria de Finlandia e Galicia, falou simpaticamente para nós. Pero marcando as diferencias: na súa bisbarra de Tampere o 50% da poboación ten enderezo propio de correo electrónico.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 17/09/2001]

Share

Deixar unha resposta