Multimedistas (A voapluma, Diario de Ferrol, 16/09/2001)

Cun ceo sucio, outonizo case, viaxei a Compostela. Ía aos encontros sobre xornalismo e teletraballo que organizaron a Consellería de Cultura e a Universidade de Santiago.
Esperaba aprender divertíndome e acabei a dicir impertinencias, provocando.
Pero non me puiden reprimir. Non é presentable que os xornalistas, os máximos xeradores de palabra, induzan á confusión e axuden a retirar do léxico establecido palabras que teñen equivalente directo no inglés (que aquí ninguén fala ao dereito).
¿Como se pode confundir “ancho de banda” con “velocidade —ou capacidade— de transmisión”? ¿Como se pode dicir “link” ou “linkar” cando sempre se dixo “enlace” e “enlazar”?
O Fernando Jáuregui foi a miña víctima propiciatoria, se cadra porque escribe en La Razón, xornal dun académico da Española que nos lembra co seu apelido un suxeito movido polo seu odio a España: o comodoro Anson
Con todo, aprendín: a problemática dunha “empresa estendida” como a xornalística, propicia para o teletraballo —principalmente se quere que os “cazadores de noticia” se comuniquen de xeito efectivo cos “cociñeiros de redacción”.
E vin que non se lle poden pór portas aos campos para evitar as novas técnicas. Un informador debe ser capaz de manexar múltiples instrumentos xeradores de información alfanumérica e audiovisual —e cómprelle facelo coa ollada posta en productos soportados en páxinas de papel ou electrónicas.
Os multimedios interactivos precisan de “multimedistas” (non de —maltraducidamente— “periodistas multimedia”).

[Diario de Ferrol, A voapluma, 16/09/2001]

Share

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*