Occidente (A voapluma, Diario de Ferrol, 15/09/2001)

Pasaron as horas, fixéronse os días dificilmente e non damos esquecido as imaxes de ficción escandalosa en que a realidade se converteu.
A CNN xa nos mostrou todo: os dous avións batendo nas dúas torres, escenas recollidas por afeccionados, un dos cales berraba “¡holy shit!, ¡holy shit!” incredulamente; e a escuridade branquiza da poeira en que se converteron aqueles cubos altísimos que nos servían de referencia segundo o avión ía tomando terra na capital do mundo…
Como cadaquén conta o que estaba a facer nese momento, direi que eu comía percebes, bebía godello e escoitaba como o estado noruegués foi facendo un peto fabuloso nos bancos de Suíza, “para cando se lle acabe o petróleo”.
A nova atroz chegou polo teléfono, e confirmouse no televisor do restaurante. A conversa mudou. Falamos. Pensabamos. Expresabamos só parte dos pensamentos, que nos facían gañar medo.
Eu lembrei un ancián con sona de mullereiro que se escangallaba a tusir nun banquete. Cando un comensal se mofou de tanta tose, o vello retrucou: “Cala, que aínda hei morrer fodendo”.
Tamén recordei que William Hudson, percorredor das pampas e a Patagonia, mantiña que máis vale morrer a cabalo vadeando un río que caer fulminado de apoplexía na casa.
Uns a gozaren do sexo; outros a viviren aventuras; cadaquén á procura da morte en plena satisfacción:
Imaxinei a satisfacción infinita dos que se mataron a voar, matando, destruíndo “Occidente” -que ten a guerra perdida, a falta de homes que devezan por morreren defendendo o seu.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 15/09/2001]

Share

Deixar unha resposta