O preludio (A voapluma, Diario de Ferrol, 14/09/2001)

Recibín convite de Xesús Palmou á presentación do programa do Partido Popular na Coruña, e sinto non asistir ao acto polo interese do que propón esa forza política e o gusto estreitar a man dun home amable.
Pero teño compromiso adquirido hai semanas con Rosanna López Salgueiro para xuntanza telemática, simultánea e irrepetible, en canto que —espero— a presentación do programa do PP se repita polos meus pagos ferrolterráns…
Sabido logo que non nos imos atopar desta volta, quixera da paciencia do secretario xeral dos populares galegos un pouco da atención ao que segue (ilustrativo, tamén, para os demais contendentes nas próximas eleccións):
Con papeis do traballo fun aproveitar o sol serodio a unha das miñas praias predilectas, e dispúxenme a lelos; pero xurdiu unha interferencia:
Varias señoras falaban de que a ESO é un desastre; que os rapaces só aprenden ríos de Galicia e ningún de España; e que os profesores de galego lles fan ler libros terroríficos.
Por exemplo —dicía unha—, ao seu pequeno fixéranlle “tragar” un sobre unha illa, cun barco de piratas. O conto estaba cheo de “números, de paralelos y meridianos yo qué sé” a cerca dun tesouro.
Non me custou recoñecer a obra de Stevenson lida en todos os idiomas do mundo, por min traducida para Xerais e dabondo reeditada.
Deixei de ler papeis, abraiado. Mais aínda me faltaba escoitar o mellor:
“Lo empecé a leer —proseguiu a dama— pero no te di pasao del preludio“…
Ese, amigo Palmou, é o impaís ao que lle ides pedir o voto.
Moita sorte.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 14/09/2001]

Share

Deixar unha resposta