Eugamia e Nirvana (A voapluma, Diario de Ferrol, 13/09/2001)

Seguindo coas respostas, quixera dar noticia de dúas, correspondentes a dous compañeiros de vida madrileña, xuvenil e irrenunciable. A primeira, de Luís Otero, a cerca da “eugamia”. A segunda, de Xoán Ramón Vidal, sobre o microtopónimo “Nirvana”.
Estes amigos resultaron sobreviventes daquel mundo toleador, de mesturas e remexidos de política, relixión, moral, sexualidade, cine, NO-DO, pecado, confesión, unidade de destino no universal e “banderas al viento” en que nos criamos. Nunca lles fraqueou o humor, gracias ao cal están cordos. E con humor responden notas a voapluma:
O Otero aclara que o teórico da eugamia (“militar e cátedro de psiquiatría, ¡manda carafio!”) non daba fixado os apelidos, que aparecen ás veces con guión (Vallejo-Nájera) e con “jota” ou con “ge” o segundo. Seica foi moi prolífico como escritor (“é unha mina o tipo”) e —arrisca o meu comunicante, sabio na materia— titulou o seu tratado eugámico “Antes que te cases” sen preposición porque na mesma altura (1946) un competidor —Clavero Núñez, xinecólogo do Réxime— escribiu outra guía prematrimonial coa preposición que lle falta ao título do Vallejo: “Antes de que te cases”.
O Vidal lembra que no punto do concello de Oleiros onde agora hai un cartel a suxerir budismo outrora había unha “casa de exercicios” nomeada “Nirvana” polos que alá ían cometer pecados nefandos, coma o de xogar ás cartas e aos barcos mentres os cregos falaban das debilidades da carne…
Gracias, e tomen nota médicos e filólogos da toponimia.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 13/09/2001]

Share

Deixar unha resposta