Fala de coche (A voapluma, Diario de Ferrol, 12/09/2001)

Croniqueábase onte nesta columniña sobre a modificación normativa do galego e as manifestacións demagóxicas no tocante a ela dun personaxe da comedia política.
Pero tamén se facía un inciso sobre coches que “falan”, ao cal sería interesante volver, pola súa relación co anterior.
O caso é que agora ando nun automóbil de nova xeración, conceptualmente distinto dos demais en moitos aspectos. O principal, a incorporación de técnicas da información e a comunicación que o fan extraordinariamente rendible e seguro.
E, como agasallo para a vista e o oído (alén de axuda ao conductor despistado), ten unha combinación de sinais auditivos coa presentación de frases aclaratorias nunha pantalliña.
Este día, indo cara ao sur onde medra Vigo-Braga-Porto, futura capital da Gallaecia Reconstruída, levei un compañeiro de traballo que ficou gratamente sorprendido ao ver como a máquina nos advertía: “Porta traseira esquerda aberta”.
-¡En galego! ¡Que nivel, rapaz! -exclamou o colega telemático.
Non lle quixen tirar a ilusión. Pero o computador de abordo do automóbil estaba a advertirnos en portugués, un dos seis “grandes” idiomas en que sabe expresarse -plenamente coincidente co galego ben falado (non roído polo castelán do “tronco común” demagóxico) nunha porcentaxe que non deixa lugar ás dúbidas…
En fin, que -unha vez máis- xorde o que sempre falamos en Cataluña, con cataláns e galegos: se os cataláns tivesen a sorte dos galegos -a dun idioma consanguíneo oficial nun estado veciño-, ¿que grafía ían usar?

[Diario de Ferrol, A voapluma, 12/09/2001]

Share

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*