Norma inútil (A voapluma, Diario de Ferrol, 11/09/2001)

Falaba eu ricamente co Anxo Viña, catedrático de Telemática, sobre sistemas intelixentes de procura e agregación de datos, cando me interrompeu un xornalista.
Quería saber a opinión “dun dos escritores con máis páxinas publicadas en galego, ou se cadra o que máis publicou” acerca da “normativa de consenso”.
Como tiña que viaxar a Vigo (para falar de intercambio electrónico de datos no sector da automoción) deixei a resposta para o coche.
Entrei no meu coche novo, que lle fala ao conductor, e velaí que me chama outro xornalista con pregunta semellante, engadindo en ton de chanza que eu levaba moito sen escribir do Velázquez y Velázquez
Ben. Resumo: coido que a nova normativa de consenso non arranxa nada. Era mellor preocuparse porque se cumprise a tímida Lei de Normalización, de xeito que os rapaces ficasen capacitados á fin do bacharelato para falaren, leren e escribiren galego (coa norma que for) e castelán por igual.
Aínda máis, coido que, se algunha vez se dá o paso normativo verdadeiro, ha ser cara ao romance ibérico occidental (galaico-portugués) e non cara ao “tronco común co castelán” que descubriu o Supremo Demagogo, agora tamén filólogo.
Á normativa galega, para ser útil no mundo, cómprelle ser etimoloxista (non foneticista) e integracionista (non reintegracionista).
Claro que o Velázquez “no se da enterao” (como el diría) de que a capital de Galicia vai ser Vigo-Porto, que Alvedro sempre será un aeroportiño para ir a Madrid e que o Sá Carneiro é un aeroporto internacional.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 11/09/2001]

Share

Deixar unha resposta