Agir, Akhir, Aguir e Axir (A voo de tecla, 16/02/2008)

Políticos defensores da Lei de Normalización Lingüística repiten “Vamos a facer” en lugar de “Imos facer”. Mozas de apelidos galegos dos que non se poden liberar —estigmas da orixe maldita— piden “libertad lingüística”. Unha entra no xogo do Jiménez Ofensor do Micro: suprímase o ensino do galego porque os libros da materia incitan a destruír España.
Mozos de actitude reprobable enfróntase aos partidarios da secesión lingüística, e polas emisoras de radio corre un nome que ninguén sabe pronunciar: Agir. Uns din “Akhir” (como “Rakhoy”, “Feikhó” ou “Khove”) e outros “Aguir”. Ninguén lembra a grafía histórica galega; ninguén, que “ge” ou “jota” se pronunciaran como “xe” ata que a escolarización exclusiva en castelán acabou con algo propio do galego. Mais debe pronunciarse “Axir” (como “Raxoi”, “Feixó” ou “Xove”); e resulta sinónimo de “actuar”, forma que se meteu desde o castelán “de los 400 millones”, omnipresente.
Os galegos ignorantes do portugués dos 250 millóns —a maioría— descoñecen o significado de “axir”. Os activos membros da Agir, partidarios do reintegracionismo, das formas cultas irmás, seica o saben…
“Salvemos al español”: o oficial da notaría atende o cliente en correcto galego, mais prepara o documento en castelán; o crego no enterro diríxese aos fregueses en castrapo pero reza “El Padre Nuestro”; a funcionaria de Correos négase a falar galego; a camareira do bar, con raro acento, atrévese: “No me hables así”… Todo no mesmo día. Tolería, “diglossia tremens”.

[La Voz de Galicia, A voo de tecla, 16/02/2008]

Share