Hoteis (A voapluma, Diario de Ferrol, 10/09/2001)

Contoume a miña señora sogra unha anécdota linda: cando era cativa, a mai obrigábaa —pola mañá cedo— a facer escalas no piano con sordina, o que ela aproveitaba para abrir libros de Oscar Wilde no atril e ilos lendo.
Esta historiña familiar levou a conversa a algo que recomendo aos curiosos da relación entre hoteis e escritores:
No número 13 da rúa Beaux Arts de París hai hoxe un establecemento fachendoso dabondo como para se denominar simplemente “L’Hotel”, como se non houbese máis hoteis na cidade raíña do turismo.
Pero non sempre houbo aí albergue de tal categoría. Na fachada salientan dúas placas de prudente pedra. Unha delas di que “Ici vecut Jorge Luis Borges, 1899-1986, ecrivain argentin, lors de ses frequents sejours a Paris de 1977 a 1984″.
Nese tempo o hotel que ocupaba o edificio non era un monstro de luxo impagable como no presente, e chamábase con pouca orixinalidade “Hotel Beaux Arts”, que o cego porteño e anglopensante cheiraría con gusto de estar no París de verdade (non no París do Prata).
Esa placa non trae máis suxestións, pero a outra xa vai tocando fibras séensibles polo que reza: “Oscar Wilde, poete et dramaturgue, n a Dublin le 15 Octobre 1856, est mort dans cette maison le 30 Novembre 1900”.
Wilde tivo unha vida curta en exceso, na que quixo gozar o que no seu tempo se castigaba excesivamente, ata quebrar corpos e almas.
E faleceu nun lugar de mala morte, daquela chamado “Hotel de Nice”, acusando o papel do cuarto —seica o número 26— de matalo coa súa fealdade.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 10/09/2001]

Share

Deixar unha resposta