En Marcosende (A voapluma, Diario de Ferrol, 09/09/2001)

Antonte estiven en Marcosende, nas alturas sobre as que segue a erguerse a cidade universitaria de Vigo. Nun luminoso día de verán, todo verdes en esplendor de montes e vales, o caos da construcción era o dono daquel campus.
Pero mellores tempos han vir, cando conclúan as obras, que inclúen residencias e centro comercial. Daquela, toda a beleza montañesa desta parte da Universidade do Sur fará aínda máis tentador o ambiente en que a mocidade procura formación…
A razón de viaxar este día ata alá era unha xuntanza sobre novos métodos de facer negocios sen papeis no sector da automoción. Tiña lugar na Escola de Enxeñería Industrial e a ela asistían enxeñeiros do ramo, outros de telecomunicación, algún informático e mais algún economista.
Logo de discusións que seguían a momentos de espremer os miolos e suxerir ideas, houbo un pedazo de calma e comentario. Nel viñemos saber que a crise das empresas das telecomunicacións -tanto fabricantes de equipamento como explotadoras de servicios- ten moita relación co maldito móbil: estase chegando á saturación. Non vai quedar individuo que non conte co aparelliño…
Iso anda a excitar a inventiva dos que viven do tal negocio da telefonía sen fíos, e xorde a proposta de comunicar as máquinas ao xeito que o fan as persoas.
Por exemplo, unha fotocopiadora cun móbil acoplado ao seu computador pode comunicar ao técnico de mantemento que se acha en bo estado, ou que ten avaría.
Exemplos coma ese de uso do móbil son infinitos. E fai falta que suba a bolsa.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 09/09/2001]

Share

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*