Babilonia (A voapluma, Diario de Ferrol, 08/09/2001)

Quen isto escribe, nado nun lugar de raro nome, Miguelturra, non deixa de sorprenderse cos topónimos; ou, se cadra, vive na curiosidade de os desentrañar por tal razón de nacencia.
Curiosidade que se alimenta coas visións cotiás, tantas que lle lembran constantemente aquel dito de que “estaba a vella morrendo e seguía aprendendo”.
Digo o anterior porque este verán foi para min de descubertas toponímicas.
Confeso —reitero para o lector paciente— que adoro tres praíñas de belo nome: Cariño, Almieiras e Espiñeiro.
O ano 2001 está a ser o da maioría de baños na última, situada no concello de Oleiros.
E velaí que, tendo pasado moitas veces nesta vida pola estrada da costa de Sada á Coruña, nunca reparara nun topónimo histórico, bíblico quizais: Babilonia —nome que mesmo colleu un supermercado de Santa Cruz.
Indaguei logo e ninguén me soubo dar razón de tal apelativo, seica parroquial. Mais cheguei a saber que un acordeonista de grande sona alí residente identifícase entre os veciños como “o fillo do ferreiro da Babilonia” —o cal me causa grave envexa, porque, tendo sido meu señor pai médico de moitas aldeas, nunca o foi da que me permitiría alcumarme “fillo do médico de Babilonia”, que soa a novela coma a de Sinué o exipcio.
E a cousa non remata aí. Porque uns quilómetros máis adiante, sobre a praia de Bastiagueiro, aínda fica outro microtopónimo que nos deixa fóra do mundo: Nirvana
Disque andan os filólogos a clasificar esa riqueza da lingua. Cando rematen, eu serei o seu primeiro cliente.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 08/09/2001]

Share

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*