Campaña sen enerxía (A voo de tecla, 09/02/2008)

En día de absurda primavera, que despista as árbores, faise tertulia con café sobre asuntos enerxéticos: fontes alternativas aos hidrocarburos e sistemas de control de eficiencia, na produción e no gasto. A mudanza do clima, que xa resulta evidente, leva a pensar en moito sol e placas solares, fotovoltaicas e térmicas; en converter cada edificio nunha central xeradora de electricidade e calor.
De inmediato pénsase en cubrir tellados e terrazas coas placas, pero algún entendido tertuliano vai máis lonxe e prevé a aplicación de nanotecnoloxías ás pinturas das fachadas, a punto de estas constituíren un sistema de captación de electricidade capaz de dar independencia enerxética aos edificios.
Aínda máis, na rexouba xorde a noticia didacticamente explicada en La Voz sobre a utilización de xeradores eólicos para produciren hidróxeno por electrólise, e logo se entra no hidróxeno como “vector” de todos os sistemas enerxéticos, no “hidróxeno verde” e na “eco-innovación”. Baixo o conversa agóchase un medo denso, abafante: a ameaza dunha crise enerxética global que faga imposible a economía en paz.
Hai un intre de silencio, a observar os paxariños que revoan en inverno con ritmos da estación seguinte e, xa con caras graves, éntrase en política. Hai unanimidade: a campaña cara ao 9 de marzo está a tocar moitos aspectos preocupantes na realidade española actual, mais non se ve partido que entre a fondo no máis grave de todos: a dependencia enerxética dun país ao que a enerxía lle cae dos ceos.

[La Voz de Galicia, A voo de tecla, 09/02/2008]

Share