Millo no hórreo (A voapluma, Diario de Ferrol, 07/09/2001)

Cobiza, inxenuidade e descoñecemento do mundo crioulo levou os “godos” (que só comparten cos “gayegos” o tipo de pasaporte) a un novo intento de colonización da Arxentina.
Os godos de Telefónica, Repsol e outras empresas con central en Madrid axudaron o “Turco Ménem” a lavarlle a cara ao país -mentres Carlitos I o Converso, sustentado pola súa tropa siria, vendía empresas estatais e suxería título de éxito nun teatro da Avenida Corrientes: Lo que el turco se llevó
Agora “la Madre Patria” (dos “gayegos”, claro) comeza a espirrar por culpa da pulmonía que ten a Arxentina. Arrefríase a Telefónica, cae a bolsa de Madrid e o ministro de apelido faunístico e galego, Rato, recoñece que España non vai tan ben.
Eu xa o sabía, e o que me amola é ter poucos cartos; e que os que vou gardando -xa que de vello dorme na palla quen de novo non traballa- cada día valen menos.
Dinme os da caixa de aforros que nada lle poden facer, que eses fondos para a xubilación están ligados á saúde da bolsa e que, co da Arxentina…
Millo no hórreo, e seguir a metelo. Non hai outro arranxo. Así mo explicaba hai anos en plena crise económica ianqui (e, por tanto, mundial) o galego máis rico que coñezo.
Mirando outeiros belamente nevados arredor de Montreal, díxome que “as crises logo se van pasando se un ten cartos”.
Certo. O malo é que as crises son de moitos e os cartos de poucos.
E abonda con lles preguntar aos arxentinos: Carlitos et caterva nunca irán remexer nun “tacho de basura” na traseira dun restaurante.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 07/09/2001]

Share

Deixar unha resposta