Todo no aire (A voapluma, Diario de Ferrol, 06/09/2001)

Sigo a responder notas que me envían os lectores destas columniñas cotiás.
Un deles, que inclúe número de DNI para demostrar identidade e pide discreción sobre o nome, quere saber que opino dos motores de aire comprimido, e fai mención a certa conversa —aquí referida— co meu curmán Luís Javier Navarro, presidente da British Petroleum…
Comezando polo último, o Luís Javier propón a evolución dos sistemas de transporte cara ao menos contaminante; pero cunha etapa de transición aínda apoiada nos hidrocarburos.
A súa empresa aposta polas células de hidróxeno, mais nada me falou a cerca dos motores de aire.
Destes debo dicir que que me parecen revolucionarios. Só me falta entender o uso de cilindros cando, aparentemente, o máis doado sería regular a saída do aire a presión cara a unha turbina que atacase o mecanismo tractor.
Ora ben, da miña colleita engado, para o lector e mais os explotadores da enerxía eólica, que esta se caracteriza pola súa abundancia en paralelo coa súa irregularidade.
Vénme á cabeza logo unha idea de vello: aproveitar os xeradores eólicos para comprimir o aire que despois se traspase ás bombonas de alimentación dos motores máis limpos que en vehículo se poidan instalar.
Tamén me pasa polo maxín proclamar unha vez máis as vantaxes do Finis Terrae ventoso en que vivimos: imaxinemos o que sería converter a enerxía do vento na de propulsión dos vehículos con rodas de Galicia.
E mesmo que os motores de aire pasasen a propulsar vehículos que no aire se sustentan: os avións.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 06/09/2001]

Share

Deixar unha resposta