Eugamia (A voapluma, Diario de Ferrol, 05/09/2001)

Luís Otero é un dos moitos galegos que fan Madrid a cotío. Por culpa deles a poboación do Impaís diminúe rapidamente e as empresas mortuorias veñen colonizar o pouco que vai quedando.
O Luís leva anos facéndonos gozar do pasado, cun sorriso perdoador e a pregunta de como podemos estar ben da cabeza logo de termos pasado por tanto tolerío: porque de tolos son os libros que el quita á luz para seren reproducidos en facsímile.
Hoxe, desde estas distancias provincianas que miran máis ás Américas que á estepa castelá, quérolle ofrecer ao amigo de ledos tempos xuvenís e madrileños un título máis para a súa colección: Antes que te cases, do “doctor Vallejo Nágera”, editado inicialmente no ano 46.
Chaman a atención, de entrada, a falta da preposición “de” no título, e a grafía de “Nágera”, que o editor escribe con “ge” e o autor, A. Vallejo Nájera, con “jota”.
Segue logo un limiar definitorio: “Provén a decadencia racial de moi diversas orixes. Unha delas, principalísima, a infelicidade conxugal”, di o galeno. E aínda engade: “Imposible a raza robusta sen sólida preparación da mocidade para o matrimonio a través da moral católica”.
O libro, que acadaba a terceira edición no 1965 da nosa formación universitaria en Madrid, é unha delicia, con capítulo culminante na definición da “eugamia”: a ciencia do ben casar para formar familias perfectas en calidade e cantidade.
Tras lelo, non fica dúbida de que a decadencia de Galicia se debe non só ao exceso de emigración senón, tamén, á falta de eugamia.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 05/09/2001]

Share

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*