Queijo (A voapluma, Diario de Ferrol, 04/09/2001)

Veño de levar a miña señora sogra ao aeroporto. Marcha ela a París, ao encontro cuns curmáns seus, fillos dun tío arxentino que viñera voluntario a loitar cos franceses contra os ocupantes alemáns.
A familia da miña sogra, “más criolla que los zapallos”, conta con apelidos que non deixan lugar a dúbidas de orixe: Castro, Regueira, Coutiño… dos que ben sabe Xosé María Monterroso Devesa, quen comparte parentescos riopratenses con ela.
Mais o primeiro apelido desa familia é Yanzi, conservado na súa forma vasca. Hoxe, o topónimo —navarro— aparece como Yanci, ceceante, cando —saben os lingüistas— ese son non existe na antiga fala da pan-Euskal Herria.
Baixando do aeroporto vexo o anuncio imbécil do “queso de tetilla” (“de teta”, diaño, que xa andan cheas de tetas as praias, sen escándalo) e remoio a resposta á pregunta que me fai unha lectora, de apelido Queijo, en referencia a algo no que insisto: Rajoy débese escribir así e pronunciar Raxoi.
Se mo autoriza o Monterroso —habilitado con diploma para estes coñecementos—, coido que o apelido é Queixo, porque se refire á mandíbula, non ao alimento.
Outra cousa sería o apelido Queijeiro (pronunciado Queixeiro), do oficio de facer queijos.
Queixo paréceme apelido derivado dun alcume, en referencia a calquera ancestro con acusado prognatismo, queixudo.
Alomenos a un compañeiro de troula compostelá do meu irmán Miguel chamábanlle “o Queixo”: pola queixada, que proxectaba de seguido cunha tose nerviosa…
En Caldas de Reis poden dar máis detalles.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 04/09/2001]

Share

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*