O Xesteira (A voapluma, Diario de Ferrol, 03/09/2001)

Pensara eu responder algunhas das notas que me envían os amables lectores destas columniñas pero un encontro deriva a miña intención cara ao pasado, que nunca foi nin mellor nin peor, senón pasado.
Polo territorio que era da Cubela coruñesa e agora son prazas manchadas de chicle atopei un compañeiro de aventuras culturais e políticas: o Xesteira.
Perfecto de saúde en aparencia, comentoume que xa lle chegara o tempo da xubilación e, unha vez máis, fíxome pensar na brevidade da vida.
Parece que fora onte cando nos xuntabamos no local de O Facho para facermos de todo, desde aquel Safari Toponímico que nos publicaba en El Ideal Gallego ata os textos e debuxos de O galego hoxe, método famoso que publicou La Voz de Galicia.
Daquela, o noso compañeiro andaba orgullosamente polas estradas cunha furgoneta rotulada na lingua que el ten por principal. Electricidade Xesteira chamaba a atención por esa valentía.
O profesional das instalacións eléctricas facía cultura e tamén política: mesmo organizaba un recital que colocaba carteis para os comicios.
Nunha ocasión definiuse de maneira inesquecible: “Eu son o electricista da cultura galega”…
Como sempre, á historia pasan uns nomes (por exemplo, no caso que nos ocupa, o de Xosé Luís Rodríguez Pardo) e para a intrahistoria fican outros.
Neste mundo en que a xente só ten tempo para o traballo, o fútbol e, se cadra, a familia, aínda hai Xesteiras que o teñen para o choio que mantén a familia, para as ilusións de país e, ás veces, tamén para o fútbol.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 03/09/2001]

Share

Deixar unha resposta