Galicia tetralingüe (A voo de tecla, 30/01/2008)

Fracasado o bilingüismo harmónico fraguiano, xorde Galicia Bilingüe a falar de setecentos anos de convivencia lingüística (imposible de crer para cantos lembran décadas de asoballamento do autóctono, e escoitaron e leron o que antes houbo). Mais, por se iso fose pouco, métense na danza políticos a falaren de trilingüismo, incluíndo o idioma que Otto von Bismark albiscou xa no seu tempo como invencible lingua franca do mundo: o inglés do Imperio Ianqui.
Ben. Non sexamos menos atrevidos e lembremos a onde chegou o portugués que se fixo idioma de estado a partir do galego: se máis mundo houber, ata os seus confíns chegaría a fala que tanto comparte de matriz coa de aquén do Miño.
Postos a esixirmos, a Galicia cómprelle ser tetralingüe. Desde Bruxelas, onde os expatriados galegos tantas linguas falan, traducen e interpretan, quérese explicar aos pais formados no xordo monolingüismo de España que o natural sería os rapaces aprenderen castelán desde o galego e galego desde o castelán, mentres xogan coas “dicas” do portugués para galegos. E –“why not?” – asimilando o inglés “unavoidable”.
Quen lles dera aos galeses ou aos cataláns –por exemplo– unha lingua irmá de expansión mundial coma o portugués. Sempre a pensarmos na Unión que cada día máis nos une, quen alá queira facer carreira debe presentarse con dominio total de dous idiomas estatais; e moito ha de estudar un galego para manexarse en inglés coa facilidade de o facer en portugués… Que os pais se informen e, daquela, esixan.

[La Voz de Galicia, A voo de tecla, 30/01/2008]

Share

One Comment

Comments are closed.