Casa propia (A voapluma, Diario de Ferrol, 02/09/2001)

Miraba eu a CNN, escoitaba as novas da votación en Timor, e, de súpeto, a correspondente naquela illa asiática cedeu os dereitos de informar ás cámaras que na Haia apuntaban para o malvado Milosevic.
Un xuíz inglés, May, iniciaba sesión explicativa, na que pasou a palabra á acusadora Del Ponte.
A cuestión era que o acusado sempre se negara a oír a acusación, e a señora fiscal pedía que se lle lesen ao expresidente serbio os cargos polos que vai ser xulgado…
O promotor da Grande Serbia perdeu a guerra —aérea e precisa— coa OTAN, foi derrotado en eleccións posteriores e entregado ao Tribunal Internacional en troco de axuda para reconstruír o destruído.
Teimudo e apoiado por moitos serbios, o Slobodan négase a admitir acusación, tribunal e avogados na súa defensa, malia as barbaridades que permitiu facer, ao estilo das que deixou facer o Hitler (mentres case todos os “arios” alemáns aplaudían).
O novo micro-Nüremberg non vai devolver a vida ás víctimas da “limpeza étnica”, nin borrar tanto sufrimento. Mais podería servir para que os policías do mundo comezasen a pensar formas de evitar desastres coma o da imposible Iugoslavia de Tito.
Hai moitos territorios compartidos por xentes que entenden a vida de xeitos inconciliables. Imposible neles a convivencia, a ONU debería ter un organismo para a recolocación de etnias —máis activo có de atención aos refuxiados.
Con Rosalía mantemos que “toda a Terra é dos homes”. Pero engadindo outro dito: “Se cadaquén ten a súa casa, Deus anda nas de todos”.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 02/09/2001]

Share

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*