O certificado (A voapluma, Diario de Ferrol, 01/09/2001)

Barcelona, fin de agosto. Os rexoubantes —por vía web ou por compra de xornal en quiosco das Ramblas— coñeceron que don Manuel convocou eleccións con certificado médico por diante.
Todos eles consideran o León de Vilalba como personaxe único na historia do Impaís, e por el senten unha grande admiración (a punto de esqueceren exabruptos históricos do profesor metido a político).
—¡Manda chover na Habana co certificado!
Explicatio non petita
—Non che é por iso, senón polo idioma: imaxina ti aquí o Pujol presentando un certificado do servicio catalán de saúde escrito en castelán.
—E feito por médicos con apelidos esmagadoramente cataláns. Certo…
—¿E como lles chaman a eses doutísimos doutores galegos?
—Cousas como Rumbo, Reino, Castro, Beiras… Alén dos patronímicos… Todos estigmáticos.
—Pero, señores, ¡olliño!, que se trata da saúde do Presidente, non de calquera folclorada. ¿Como se vai escribir de algo tan serio en galego? Nin de broma.
—Home, visto así… ¡”Ecocardiograma”, “hernia” en galego! ¡Xamais!
Corre un silencio compensado con profundas libacións de Raymat, cabernet sauvignon taninoso…
—¿Imaxinades que estes cataláns tivesen a sorte de que o seu idioma fose só unha forma dialectal do oficial de Francia?
—Non imaxines tanto. Nós ao noso… O que teñen que facer Fraga, Beiras e o Touriño é mudaren os apelidos: Bosque, Orillas e Torito, dando exemplo.
—Apaga e ímonos: Irlanda.
—Superirlanda: nin un peso do orzamento para a merda do galego.
—Así é, si señor. Pasa o viño, ho…

[Diario de Ferrol, A voapluma, 01/09/2001]

Share

Deixar unha resposta