A Coroa (A voapluma, Diario de Ferrol, 31/08/2001)

Pasei pola tertulia do quiosco do Suso e, cando me decatei, a cousa derivara na monarquía, por vía dunha moreas de revistas corazoneiras a trataren dos asistentes ao casamento en Oslo (remexidas coas que mostraban algo tan interesante coma a roupa interior e inferior da matrona Pantoja).
Unha chamada ao móbil interrompeume a conversa, sempre cordial e respectuosa cos personaxes que se estaban a xulgar pola súa proxección pública. Era dunha empresa de comunicación empresarial que se dirixía a min como “líder de opinión”: ¡manda truco!, xa me chaman outra cousa máis, alén de “intelectual”, cando o único que fago de sinistro é teclear no ordenador en canto a xente normal ve a televisión…
Quizais pola teima de opinar -a de lle dar ás teclas- sen medida sexa polo que me meto en asuntos intocables, o que me valeu que un editor obrigase ao director dun xornal a cortar coa miña colaboración de anos.
Segundo a escusa que me deu o coitado do director, nese medio non se podía “atacar a Coroa”.
A verdade á que, abraiado pola escusa, daquela non souben que lle responder; e hoxe, logo de ver nas fotos de Oslo tanta mestura de príncipes coroados e plebeos coroables, volveume á mente a resposta que me xurdira da entraña logo de me ter reposto da expulsión das páxinas nas que fora insistentemente convidado a escribir:
“A Coroa… ¿Como diaño vou atacar o que non sei o que é?”
E sigo sen sabelo.
Pero xa non podo ir a clase de Formación del Espíritu Nacional para aprender o que albisco etéreo concepto.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 31/08/2001]

Share

Deixar unha resposta