Descabello (A voapluma, Diario de Ferrol, 30/08/2001)

Proclamo (téñano en conta os españoleiros) nada ter que ver nin coas touradas nin co flamenco para turistas. Se alguén me identifica coa “fiesta nacional” e coa “canción española”, sinxelamente, oféndeme.
Venme isto ás mentes cando o verán —a tres semanas do remate estacional— periclita. As treboadas traen lembranzas da infancia feliz: saudades de libros novos, expectación de novas caras na aula. E recordos dunha España infeliz, de touros, moscas e guitarreo.
O dos touros (tomen nota as peñas taurinas, tan espontáneas en Galicia) sempre me pareceu unha cafrada, e, cando cheguei a saber algo de Historia, non puiden evitar asocialos ao peoriño da condición moral de certos españois de terras quentes.
Acabando o verán do 2001 sábese que o empresario do sucedáneo coliseo da Coruña perdeu ata as pestanas na última temporada nacional-fiestista, e alguén aínda fala da folga que ía facer o “sector industrial” toureiro fronte á prohibición de vender carne dos animais caídos nas prazas.
A gloria da arte que non interesa máis que a maletillas e fomentadores do arribaespañismo seica está en perigo por mor do tolerío das vacas.
Din os veterinarios que a carne do martirizado na area non se pode vender por culpa do descabello: a puntilla entra na medulla oblongata e o cerebro encefalopático rachado pode espallar o mal priónico por toda a carne.
Pero a tradición manda, e os partidarios do martirio bovino non admiten a morte da “fera” ao xeito aséptico dos matadoiros.
Descabelladamente, insisten no risco.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 30/08/2001]

Share

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*