Libros sen papel (A voo de tecla, 24/01/2008)

Desde hai anos vénse a producir o fenómeno de aumentar aceleradamente o número de servidores da web en que se van colocando textos literarios que xa non demandan dereitos de autor.
Vello é xa o entrar na web e ler en pantalla eses textos ou descargar os arquivos correspondentes para imprimilos en papel. De feito, se non se imprime máis é porque a suma de papel máis líquidos de impresión fan o produto caro (se cadra máis có libro comprado na librería).
Mais os avances da electrónica dos medios de presentación fóronnos colocando ante un novo fenómeno: o de lermos en dispositivos distintos da pantalla do ordenador ou da folla impresa. Cada día máis lixeiros e con maior definición nas súas pantallas, convértense en alternativa á comodidade de ler en negro sobre branco de papel con letra impresa limpamente.
Aínda máis, a técnica e a comercialización achégannos á posibilidade de accedermos a inmensas cantidades de textos en todos os idiomas, gratuitamente cando están liberados de dereitos ou por prezos módicos cando non o están.
O libro sen papel está na rúa, conectado sen fíos á rede de redes, e capacitado para almacenar moreas de textos que se len comodamente pasando páxina ao premer un botón. Polo momento estes libros “electrónicos” non son baratos, pero a curva de aprendizaxe vainos converter nunha vulgaridade coma a dos teléfonos móbiles.
Fica, por tanto, unha reflexión de fondo no eido editorial: por razón de economía e de ecoloxía, ¿cómpre xa ir pensando en produtos alleos ao papel?

[La Voz de Galicia, A voo de tecla, 24/01/2008]

Share

2 Comments

  1. Interesante opinión, Xavier, que sabes que poucos están dispostos a admitir por estas terras tan atadas aínda, no que di respeito dos “altos cargos” da cultura, ao século pasado. Sobre todo refírome aos que ven o asunto de forma maniquea: que é mellor, o papel ou os bites? “Eu sen o libro de sempre non podo vivir”.
    Sabemos xa que son recursos con potencialidades diferentes, recursos que aínda que nós non sexamos capaces de asumir os máis novos xa usan á hora da merenda diaria. Isto debería levarnos a reflexionar sobre o esforzo que precisamos facer, como cultura secularmente á baixa, por conectarnos ao presente dos novos vehículos e formatos culturais. Só conectando ao futuro a nosa cultura poderemos contribuír a que o noso pobo lle vexa utilidade, e decida non abandonala definitivamente.

  2. Espero que o debate que abres chegue a unha comunidade de lectores sen prexuízos. Tamén espero que o poidamos seguir aqué e n’O levantador de minas. A literatura, baseada nas letras, non vai morrer; pero papel e letra impresa poden estar entrando nun novo eido: o do gusto polo obxecto material. Como di o profesor Viña Castiñeiras, “¿Para que movermos átomos se podemos transmitir bits?”
    O diálogo fica aberto.

Comments are closed.