O patacón (A voapluma, Diario de Ferrol, 29/08/2001)

De novo no Impaís, lembro as calores madrileñas e as conversas cun alumno arxentino, fillo dun xuíz presionado por un gobernador de provincia para que lle amañase a súa pelexa cos mestres a cargo do orzamento provincial.
O rapaz está en España con intención de non retornar á súa patria crioula. Xa ten outro irmán aquí. Os pais son quen os incitan a emigraren, para “al menos, respirar aires de decencia”.
Sabe ese enxeñeiro, ao que ensinei algunha peculiaridade dos servicios telemáticos en España, que nesta vella nación-estado europea, facedora de Europa e das Américas, tamén “se mandan cagadas”. Tamén se rouba. Pero non hai un presidente de comunidade autónoma con cara dura dabondo como para lle pedir a un xuíz a ilegalización da folga duns mestres que cobrasen —legalmente— menos dunha vinteava parte do soldo presidencial (alén de coimas e mangancias)…
Miro por medio da interrede as páxinas electrónicas de La Nación e vexo o efecto “patacón”, o “pagaré provincial” de Buenos Aires. Xa lle puxeron prezo: o 70% do peso paritario co dólar. Se cadra, indicio de valor real do propio peso.
Véñenme logo á memoria os bonos que xa me deron noutras provincias como cambio aos austrais daquela. E os alcumes das moedas da miña nenez: “pataco”, para a dos dez céntimos, que en Ferrol —por influencia filipina— chamabamos “mota”; e “chico”, para a dos cinco.
Quizais haxa coincidencia nos nomes; pero o meu alumno ben intúe unha diferencia: na Madre Patria, billetes ou moedas soportan o que levan escrito.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 29/08/2001]

Share

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*