O “rompeolas” (A voapluma, Diario de Ferrol, 28/08/2001)

Falaba onte de cando estabamos a tomar mojitos na rúa Argumosa, que sae da praza de Lavapiés cara a partes de Madrid recoñecibles para os que alá pasamos tempo.
Comentamos a grea de fillos que teñen as parellas chinesas e hispanoamericanas poboadoras do Lavapiés castizo. O “rompeolas de las Españas” pasou a selo do Terceiro Mundo. E máis o vai ser, porque este mesmo día unha señora nos dixera que tivo o primeiro fillo logo de o pensar durante unha ducia de anos de matrimonio: “Cuando tuvimos dinero para poderlo criar”. Pariu vella, chamábanlle no hospital “primípara añosa” pero non lle importou. E non vai ter máis fillos cando xa se achega a corentena…
Delicioso o sabor da hortelá con xeo, auga, azucre e ron. Pena de que esta calor non sexa cubana. Pena que haxa que traballar.
Levantamos sesión observando que algúns negros lindos -de ambos os sexos- atrévense a aparecer polas terrazas de Argumosa. Os mouros, sen embargo, miran mulleres caladamente desde a praza de Lavapiés, á boca do metro.
O metro está cheo de anuncios de empresas que envían diñeiro -pesetas resuadas- por todo o mundo. Rechaman os idiomas: romeno, búlgaro…
Na saída da Moncloa un grupo de mozos antillanos mófanse abertamente da Policía Nacional. Bérranse entre eles “¿Dónde tú tienes tus papeles, helmano?”.
Os policías fan que non ven. Nós rimos. Alguén lamenta que América estea tan lonxe e África tan preto.
Porque estes despapelados que se mofan dos polis son xente de exprovincias lonxíncuas, fillos dos nosos avós.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 28/08/2001]

Share

Deixar unha resposta