En Lavapiés (A voapluma, Diario de Ferrol, 27/08/2001)

“Cuando vayas a Madrid, chulona mía, voy a hacerte emperatriz de Lavapiés”. Iso dicía o chotis, porque o barrio de Lavapiés era o máis castizo, o dos madrileños de sempre, non do aluvión “de provincias” con que se foi formando a capital dos centralistas que hoxe piden con carteis a “ilegalización de los partidos separatistas”.
Pero todo mudou. Ao viaxeiro déixano abraiado as rúas de El Amparo e Lavapiés, e as ruelas que as cruzan. Os letreiros, un tras doutro, corresponden a restaurante marroquí, carnicería musulmana, perruquería árabe, entre medias de incontables negocios de roupa “al por mayor”.
Os nomes non deixan lugar a dúbidas: Al Baraka, Alkazer, Jin Ying, Viet Chung… E aínda fican o negocio de kebab turco e a mercachiflería paquistaní.
Raramente vese un mesón no que resisten algúns indíxenas da chulaponería, acurralados por nixerianos de túnicas coloridas, chineses a bourear coma formigas, marroquís mozos que venden o inmencionable, ecuatorianos pequeniños e cargados de fillotes, cubanos que fan música na praza dos okupas
Metidos neste ambiente, imos cear a un restaurante marroquí: un insípido cuscús de año que cómpre engulir con auga, porque non serven cervexa malia a calor infernal da noite.
Escarmentados, procuramos bebida de cristián e atopámola na rúa Argumosa, en aparencia prohibida para os habitantes do barrio que fora castizo.
Incriblemente, ao lado mesmo do que acabamos de ver, bébense tragos longos: mojitos para nós.
A hortelá sabe mellor así que no té dos mouros.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 27/08/2001]

Share

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*