Cajamadrid (A voapluma, Diario de Ferrol, 26/08/2001)

Madrid, agosto tórrido: móvome polo colexio maior no que vivín de estudiante e vexo unha mestura de mozos e mozas que faría saltar na cova os ósos daquel padre vasco e adusto que nos amoestaba sobre o pecado carnal.
A miña amiga do pasado, empregada da casa desde a súa fundación, dime que xa non fican frades. Pechou o seminario e isto adminístrase con criterios de segrares. Dáme nomes de membros da congregación que a abandonaron. Conta a confesión dun dos máis coñecidos por nós:
-Mire, me voy porque necesito una mujer…
Abandonaron os hábitos e pregúntome de que lles valeu tanta represión sexual. Como me pregunto de que lles valeu aos franquistas tanta represión política.
Esmagounos a Historia. A Historia deu cabo do nacionalcatolicismo de FET e das JONS… ¡Viva España!
Viva, que non “¡arriba!”. Cajamadrid entende España. Os seus caixeiros automáticos permiten escolla de idiomas. Entre eles, galego, vasco e catalán. Que aprendan Caixa Galicia e Caixa Nova.
E remata o día de traballo con preguntas que fan aprender ao profesor. Os alumnos proceden de México, Colombia, Bolivia, Arxentina e Chile. Prepáranse para traballaren en Madrid.
Madrid é unha visión peculiar desde a terraza do hotel. Nádase nas alturas vendo edificios pretensiosos, sentindo o ruxir dos coches.
O letreiro do recibidor anuncia a “Piscina de verano”, triste sucedáneo das praias lonxincuas onde a urbe se envorcou.
Un caradura, compañeiro de soleada prisión, polo móbil finxe estar en Chipiona, na gaditana Costa da Luz.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 26/08/2001]

Share

Deixar unha resposta