En coche (A voapluma, Diario de Ferrol, 25/08/2001)

En coche. Había ben anos que non facía a viaxe da Coruña a Madrid en coche.
Novidades: ata a Pedrafita todo é autovía. Pero de alí á Vilafranca do Bierzo os poderes do Paco Álvarez Cascos nada son fronte aos de Natura: montes cortados a talude derrúbanse sobre o camiño de asfalto. Espero que o Paco gañe a partida, polo ben da súa enxeñería; e porque fomos compañeiros na Cidade Universitaria á que me dirixo.
Nas paisaxes agostadas de Valladolid e Ávila falamos de paisaxes, das illas da Grecia vistas desde un veleiro e do cántico de cores que entoa a Mai Terra –Pacha Mama– na Quebrada de Humahuaca.
Chegando á Cordilleira Central, calan os acompañantes. Na divisoria das dúas Castelas, a Vella e a Nova, unha liña de xeradores eólicos funga modernidades.
Pasado o túnel de Guadarrama, xorde Madrid ao fondo como unha manta de tixolo sobre montes da aciñeira: onde houbo coutos de caza maior, fíxose unha capital absurda, sen mar, sen visións.
Pero nela ficaron os mellores anos de moitos: a patria verdadeira, que non é a nenez senón a universidade…
Na portería do colexio maior onde vou dar clase mírame unha cara de hai trinta e cinco anos. Dime o seu nome de solteirona amonxada e, pouco a pouco, vaime mergullando naquel tempo de nunca xamais. Unha lista de nomes arrastra unha galería de rostros. Naquelas caras novas recordo ilusións.
E entro a explicar inventos telemáticos esmagado por unha fervenza de saudades: polos corredores do colexio maior onde vivín non me recoñezo.
Son outro. Un expatriado.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 25/08/2001]

Share

Deixar unha resposta