Semprún dixit (A voapluma, Diario de Ferrol, 24/08/2001)

Volveu a nós o sol, rei dos caprichos. Fun á praia, á de Mera, e alí atopei o Xavier Seoane, que se vai facendo poeta maduro e sen présas.
Estivemos coa muller e a filla. Falamos da conexión á interrede que mudou as nosas vidiñas ávidas de coñecemento vario. Recomendeilles, para o servicio que eles precisan, o modem asimétrico que promete a Telefónica…
A pequena foi logo ruar con outros nenos. Despois a señora quedou a atender amigos.
O Seoane e eu entramos en materia: a brutalidade do xoguete-bomba, a tolería dos que non saben vencer pacificamente o pulso de quen esmaga todo co peso dunha cultura allea. Ollando o fulgor do Arco Ártabro demos en imaxinar como seriamos tratados cadaquén de nós nunha barafunda coma a vasca: canto teriamos que calar.
Tamén imaxinamos que en Galicia houbese xente consciente en maioría para conseguir saír da minorización.
Falamos de literatura e xornalismo. E despedímonos en sintonía.
Montei no coche e escoitei a Jorge Semprún dicindo algo como que a primeira obriga do intelectual en España é loitar contra o terrorismo e axudar a que se acepte a inmigración.
Non sei o que é un “intelectual”, pero coido que os vaidosos españois que escriben e falan en público deberían denunciar o terrorismo e —antes de seguiren o xogo a demagogos inmigracionistas— aceptar que España é unha civilización na que todos cabemos, mesmo os “disidentes” que se expresan en galego, catalán ou vasco.
Doutro xeito, “o pobo” dificilmente vai acoller a quen se manifeste en árabe ou quechua.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 24/08/2001]

Share

Deixar unha resposta