Aniversario (A voapluma, Diario de Ferrol, 23/08/2001)

<

p align=”justify”>Santiago da Vila chamoume ao Miradoiro da RG para que lle fixese unha “postal” (cal lle fixen, da praia de Cariño que mira a Coruña desde a boca da ría ferrolá). Santiago teimou en presentarme como poeta, porque non sabe o que Ramón Piñeiro me dixera nos ardores da mocidade musical: que son “un bo imitador dos poetas”…
Perdón, señores, por este falar de min con toda a vaidade de escribidor. E aínda máis se algo poético se entrevé no que segue:
Fixen anos: cincuenta e catro lousas negras caeron sobre os meus lombos e vin o resume deste vivir á maneira do “quero e non podo”. O meu (e o do Avelino que me chamou para furgar na ferida do noso fracaso xeracional) é aturar: antes o franquismo e agora unha democracia que non me enche, pero que debo aceptar por ser demócrata (o Avelino falaba de rebelármonos arestora: no mellor da vida, con saúde, vigor e coñecementos que os novos non teñen e os acomodados sospeitan e respectan).
Non se está a cumprir nada do que nos conduciu a sermos o que fomos arredor dos 70, e no persoal só fican anseios mortos: non fixen industria das telecomunicacións, e sigo a estragar historias, sen producir unha novela con xeito…
Cavilei isto no Parque Europa coruñés, coa Irene da man.
A Ireniña non sabe que, mentres ela aprendía a beber “aua” do surtidor da fonte dos nenos, o seu avó facía anos a contrafío.
Espero algo mellor para esa pequena; e, como ela aínda non sabe de me facer regalos de aniversario, decido, unilateralmente, abrirlle unha libretiña de aforro.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 23/08/2001]

Share

Deixar unha resposta