O “opé” (A voapluma, Diario de Ferrol, 22/08/2001)

Seica a Real Academia Española, sempre disposta a limpar, fixar e dar esplendor á Lingua do Imperio recoñeceu a palabra “pecé”: España non é capaz de inventar alomenos un sucedáneo de cada sigla que chega a través do inglés dos novos meigos, os telemáticos.
Se PC vén de Personal Computer e en castelán se traduce por Ordenador Personal, abreviadamente OP, ¿por que non recomendar —e mesmo impor coa axuda da omnipresente TVE— “opé” en lugar do americanismo “pecé”?
Porque España vai mal, señores. O exótico país —europeo— da Inquisición e o atraso de ideas segue perdido nas brétemas que o fan subsidiario, colonizado, incapaz de progresar de verdade.
O escurantismo español, a bruxería e a estulticia que atinxe todos os niveis, maniféstase na adoración do becerro de ouro televisivo, en detrimento do uso doutro electrodoméstico hoxe imprescindible: o “opé”.
Dáse o paradoxo de que algúns concellos cheguen a empeñarse comprando participacións nas sociedades futboleiras mentres son capaces de promover campañas de “ordenadorización” nos colexios públicos, pero nunca nas casas.
En canto ningunha familia axustaría contas para a compra dun televisor polo que seguir xogadas de quen custa máis có cabalo máis caro (sen deixar de ser un burro rápido), os pais dan mil voltas a adquiriren un “opé” para os rapaces.
E, cando se aceptan as contas dos móbiles como unha inevitable praga bíblica, mírase con moito ollo o custo —mínimo— da conexión á interrede.
Por iso España, no XX aniversario do PC, vai de ceacú.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 22/08/2001]

Share

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*