Os racionais (A voapluma, Diario de Ferrol, 21/08/2001)

Tivemos na casa parentes deses que debían ficar connosco moito tempo.
Son angloarxentinos, ricos e folantrópicos. Nos seus haberes constan estancias nas pampas do Rio Grande do Sul e do Río da Prata, e nas estepas da Patagonia e da Terra do Lume mítica -onde xuntan, nun mesmo terreo, ovellas, gas, petróleo e ouro.
Falamos de tales grandezas en mestura coas súas vivencias europeas (desde Suecia a Italia con centro en París, onde toda inquedanza cultural conflúe), mais con elas non conseguiron excitar as nosas imaxinacións tanto como coa aventura parella á súa filantropía:
En Venezuela -país onde residen os nosos visitantes- hai un movemento para crear unha “universidade indíxena” na Amazonía. Alí, nun punto da selva, representantes de oito diferentes etnias encóntranse cos colaboradores no proxecto, para organizaren un modo útil de transmisión de coñecementos.
Na utilidade pesa fundamentalmente o idioma de cada un deses pobos. O castelán é só lingua franca para eles e os “brancos”…
Xosé Antonio Neira Cruz gozaría tanto coma min acompañando estas persoas xenerosas sobre o cárcere verde do mato, procurando desde o avión un trazo vermello onde aterrar. De tal guisa gastan eles vida e facenda en apoio á iniciativa dun xesuíta vasco, vello e teimudo, José María Korta. E falan de perigos cun sorriso.
Sorrín seguros da súa causa xusta, aínda que teman feras e doenzas; e midan a ameaza doutros aventureiros que falan de si mesmos como “los racionales” para se distinguiren de “los indios”.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 21/08/2001]

Share

Deixar unha resposta